13/04/11

A Plataforma Galega contra a Lei de Augas amósalle ao conselleiro Hernández a súa repulsa por privatizar o dereito dos galegos e das galegas a beber e a vivir



Unha vintena de representantes das organizacións que forman parte da Plataforma contra a Lei de Augas, concentráronse hoxe, 13 de abril, diante da sede da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en Compostela. A mobilización coincidiu cunha xornada formativa sobre a Lei de Augas e a súa inauguración a cargo do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández.

En declaracións aos medios de comunicación, a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, que falou en nome da Plataforma, recordou que “a Lei de Augas é unha das máis lesivas que se teñen ditaminado en contra do pobo galego, pois supón converter o noso dereito á auga nun negocio, e permitir que empresas privadas cobren por ese dereito humano básico para a vida”. Respecto á concentración de hoxe, na inauguración da xornada sobre a Lei de Augas na EGAP, Carme Freire declarou que “o conselleiro de Medio Ambiente e o Goberno Galego deben saber que se van atopar con esta contestación social alá onde vaian a explicar ou a tentar aplicar esta lei”.

01/04/11

O primeiro regulamento que desenvolve a Lei de Augas legaliza o negocio e a privatización da auga que a Plataforma veu denunciando dende a súa constitución

Representantes das organizacións que forman parte da Plataforma contra a Lei de Augas desprazáronse, o 1 de abril, até a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (rúa San Lázaro s/n, Compostela), para presentar alegacións aos estatutos de Augas de Galicia.

No acto de entrega das alegacións, que foi ás 12:00 horas, falou en nome da Plataforma a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, que denunciou que o texto que pretenden que rexa o funcionamento do ente Augas de Galicia “deixa ben clara a privatización e a mercantilización que vimos denunciando dende a Plataforma Galega contra a Lei de Augas e que nos parece gravísima”.

Freire explicou que, por exemplo, o artigo 23 permite a Augas de Galicia “a creación e constitución de sociedades mercantís e a participación en calquera outra sociedade constituída por entes públicos ou particulares” o cal significa “que se poderá facer negocio con algo que, para esta Plataforma, é innegociable: a auga, que debe ser un ben público, social e gratuíto para cubrir as necesidades básicas de calquera pobo”. Para Freire, “non podemos consentir que vaiamos pagar por un ben e dereito básico como a auga, indispensable para vivir, para beber, para a nosa hixiene, e para a produción de alimentos no marco da soberanía alimentaria”. Fronte á Lei de Augas e aos estatutos de Augas de Galiza cociñados nos despachos da Consellaría de Medio Ambiente, Carme Freire reclamou, en nome da Plataforma, a derrogación destes textos para crear unha lexislación sobre as augas en consenso e en beneficio do pobo galego.

20/03/11

Máis de 2.000 persoas esixen a derrogación da Lei de Augas en Compostela

Máis de 2.000 persoas congregáronse, o 20 de marzo (antevéspera do Día Mundial da Auga) en Santiago de Compostela, para esixir do Goberno de Feijoó a derrogación da Lei de Augas de Galicia. A marcha cívica, convocada pola Plataforma Galega contra a Lei de Augas, partiu ás 12:30 horas da Alameda, e rematou na Praza da Quintana, onde representantes dasdiversas organizacións que integran este movemento contra a privatización da nosa auga deron lectura a un manifesto.

 

Por mor do especial impacto que a Lei de Augas ten sobre o medio rural e as actividades agropecuarias, trala lectura do manifesto interveu a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, que foi tallante ao dirixirse ao Presidente da Xunta dicindo: “Señor Feijoó, o que esiximos hoxe aquí é innegociable: non queremos que arranxe a lei, queremos que a derrogue”; e fronte á Lei de Augas pediu “leis que nos protexan da usura, que nos garantan o acceso gratuíto á auga salubre, á auga como alimento, como hixiene e como recurso necesario para a produción de alimentos. Queremos que se nos garanta ao pobo galego a auga como ben social e de xestión pública”.

Carme Freire destacou a presenza na manifestación de xentes da máis diversa procedencia, mesmo de persoas que nunca estiveran nun acto destas características, e atribuíno a que a Lei de Augas atenta directamente contra un ben indispensable para a vida. “A forza que nos brota hoxe aquí, señor Feijoó”, dixo Freire, “vai moito máis alá da ideoloxía e do que votamos cada un de nós, porque aquí estamos persoas, nais, pais, avós e avoas, para demostrarlle que esta manifestación sáenos do máis fondo, xa que entendemos que a auga é algo sagrado co que non se xoga. Co dereito a beber e, polo tanto, a vivir, non se especula, non se negocia, no se deixa, mediante lei, en mans dun ente de dereito privado para que recade, para que nos cobre e se lucren empresas con algo tan básico como a auga, que nos chove do ceo ou nos brota da terra”. Indo máis ao persoal, afirmou que “hoxe fálolle tamén como nai, como tantas nais e pais con fillos e fillas que non se merecen que lles deixemos hipotecado o seu dereito á vida, o seu futuro, por unha lei que significa pagar por beber”.

Carme Freire lembrou outras loitas do pasado, como a campaña de desobediencia civil –nas décadas dos setenta e dos oitenta- que forzou a abolir o imposto da cota empresarial que se lles cobraba ás explotacións labregas. A secretaria xeral do SLG afirmou que “se temos que loitar outros quince anos máis para derrogar a Lei de Augas, do mesmo xeito que fixeron moitos labregos e labregas contra a cota empresarial, loitaremos”. Neste senso, Freire botou man da ironía e animou a seguir o exemplo de insubmisión do Conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, que primeiro fixo a lei e agora di que non a vai aplicar, ao que engadiu que “non nos van aplicar esta lei por moito que se empeñen en insultar a nosa intelixencia dicíndonos que a fixeron pero que non a van a aplicar”.


26/02/11

Ferrol e Bergondo contra a Lei de Augas

Grazas ao regulamento de participación cidadá do Concello de Ferrol, a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), Carme Freire, participou, o 24 de febreiro, no pleno municipal ferrolán para defender a derrogación da Lei de Augas de Galiza por atentar contra o dereito básico da cidadanía a beber e, por extensión, a vivir. Cos votos de PSOE, BNG e EU, a moción presentada por esta última formación política saíu cara a adiante, polo que o Concello de Ferrol se converteu no primeiro na Galiza en pronunciarse a favor da derrogación da Lei de Augas.  Poucos días despois, o Concello de Bergondo tamén rexeitaba oficialmente a Lei de Augas.

Para a Plataforma Galega contra a Lei de Augas (á que pertence o SLG) é unha boa nova que unha das sete grandes cidades galegas, como Ferrol, e un concello como Bergondo, se sumen a unha oposición cidadá contra a Lei de Augas que cada vez está a sumar máis adhesións.   

23/02/11

A Plataforma Galega contra a Lei de Augas anuncia mobilizacións para o 20 de marzo

A Plataforma Galega contra a Lei de Augas deuse a coñecer, o 23 de febreiro, en Compostela, coma un movemento que aglutina a diversos colectivos sociais de Galiza cunha fin común: a derrogación da Lei de Augas de Galicia. Están adheridos ou amosaron o seu apoio á Plataforma Galega contra a Lei de Augas organizacións e movementos como o Sindicato Labrego Galego (SLG), a Organización Galega de Comunidades de Montes (ORGACCMM), Altermundo, Amarante ou a Marcha Mundial das Mulleres. A Plataforma segue aberta a novas adhesións; así o fixeron saber os e as representantes de colectivos que hoxe oficiaron como portavoces da mesma: Carme Freire, secretaria xeral do SLG; Xosé Alfredo Pereira, presidente de ORGACCMM, e Manoel Santos, director de Altermundo.

Carme Freire adiantou que, nestes intres, estase a redactar un manifesto da Plataforma Galega contra a Lei de Augas que, en breve, se dará a coñecer; e adiantou a data de comezo das mobilizacións para forzar a derrogación desta lei “lesiva para toda a cidadanía”: o 20 de marzo, en Santiago de Compostela, coincidindo co Día Mundial da Auga. Freire xustificou a xestación da Plataforma e a convocatoria de mobilizacións por dous motivos fundamentais. En primeiro lugar, porque “a auga é un ben público, un ben da natureza e, polo tanto, non pode ser obxecto de negocio para ningún tipo de empresa, calquera que sexa a súa natureza; ademais, a auga debe ser un ben gratuíto para a vida das persoas, dos animais e da sociedade”. En segundo lugar, porque “non se pode privatizar un ben como a auga, porque non se pode decidir por lei que sexa unha empresa de dereito privado, como Augas de Galiza, a que pase a xestionar un recurso básico para a vida como é a auga”.

Tamén Manoel Santos, o director de Altermundo, argumentou o nacemento desta Plataforma afirmando que “a Lei de Augas de Galiza é un atentado suficientemente grave e doloso para o medio natural e para a soberanía das persoas, especialmente no medio rural, como para que a cidadanía se mobilice”. Santos explicou que “o gran cambio que supón esta lei non é que se privatice un subministro, unha depuración ou un servizo; senón que se privatiza o elemento. Iso é o verdadeiramente grave. É dicir, se privatiza e se dan dereitos de explotación e de cobro sobre a utilización da auga da choiva ou do mar. É verdadeiramente abraiante. É un saqueo masivo dun dereito humano como a auga, que é de todos”. O director de Altermundo lembrou que en países como Francia se están a dar pasos, xustamente, no sentido contrario, coa re-municipalización do servizo de subministro de augas en máis de corenta concellos no último ano, entre os que se inclúe París. Nembargante, “no noso país se lle deixa toda a xestión de augas a unha empresa, Augas de Galiza que é pública, pero que coa nova lei se converteu ao dereito privado”, o que supón “unha aberración absoluta que vai contra os dereitos humanos, porque a auga é un dereito humano como así estableceu a ONU, e vai contra o dereito fundamental á vida das persoas e dos animais”.

Finalmente, o presidente de ORGACCMM, Xosé Alfredo Pereira, encadrou a Lei de Augas nun contexto xeral de “privatizacións continuas por parte do Goberno do Partido Popular que, dende que chegou á Xunta, está privatizando todos os servizos públicos. Se antes foron os servizos de dependencia e igualdade, agora é a auga, e mañá serán os montes veciñais e de mancomún”. Pereira afirmou que “non imos pasar por aí e imos concienciar e mobilizar á sociedade para que isto non vaia para adiante”.