20/03/11

Máis de 2.000 persoas esixen a derrogación da Lei de Augas en Compostela

Máis de 2.000 persoas congregáronse, o 20 de marzo (antevéspera do Día Mundial da Auga) en Santiago de Compostela, para esixir do Goberno de Feijoó a derrogación da Lei de Augas de Galicia. A marcha cívica, convocada pola Plataforma Galega contra a Lei de Augas, partiu ás 12:30 horas da Alameda, e rematou na Praza da Quintana, onde representantes dasdiversas organizacións que integran este movemento contra a privatización da nosa auga deron lectura a un manifesto.

 

Por mor do especial impacto que a Lei de Augas ten sobre o medio rural e as actividades agropecuarias, trala lectura do manifesto interveu a secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego, Carme Freire, que foi tallante ao dirixirse ao Presidente da Xunta dicindo: “Señor Feijoó, o que esiximos hoxe aquí é innegociable: non queremos que arranxe a lei, queremos que a derrogue”; e fronte á Lei de Augas pediu “leis que nos protexan da usura, que nos garantan o acceso gratuíto á auga salubre, á auga como alimento, como hixiene e como recurso necesario para a produción de alimentos. Queremos que se nos garanta ao pobo galego a auga como ben social e de xestión pública”.

Carme Freire destacou a presenza na manifestación de xentes da máis diversa procedencia, mesmo de persoas que nunca estiveran nun acto destas características, e atribuíno a que a Lei de Augas atenta directamente contra un ben indispensable para a vida. “A forza que nos brota hoxe aquí, señor Feijoó”, dixo Freire, “vai moito máis alá da ideoloxía e do que votamos cada un de nós, porque aquí estamos persoas, nais, pais, avós e avoas, para demostrarlle que esta manifestación sáenos do máis fondo, xa que entendemos que a auga é algo sagrado co que non se xoga. Co dereito a beber e, polo tanto, a vivir, non se especula, non se negocia, no se deixa, mediante lei, en mans dun ente de dereito privado para que recade, para que nos cobre e se lucren empresas con algo tan básico como a auga, que nos chove do ceo ou nos brota da terra”. Indo máis ao persoal, afirmou que “hoxe fálolle tamén como nai, como tantas nais e pais con fillos e fillas que non se merecen que lles deixemos hipotecado o seu dereito á vida, o seu futuro, por unha lei que significa pagar por beber”.

Carme Freire lembrou outras loitas do pasado, como a campaña de desobediencia civil –nas décadas dos setenta e dos oitenta- que forzou a abolir o imposto da cota empresarial que se lles cobraba ás explotacións labregas. A secretaria xeral do SLG afirmou que “se temos que loitar outros quince anos máis para derrogar a Lei de Augas, do mesmo xeito que fixeron moitos labregos e labregas contra a cota empresarial, loitaremos”. Neste senso, Freire botou man da ironía e animou a seguir o exemplo de insubmisión do Conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, que primeiro fixo a lei e agora di que non a vai aplicar, ao que engadiu que “non nos van aplicar esta lei por moito que se empeñen en insultar a nosa intelixencia dicíndonos que a fixeron pero que non a van a aplicar”.